Tuesday 14 de May de 2024

O Miradoiro de Pedra da Ra e o Centro Social de Oleiros, candidatos aos Premios Lledó Arquitectura Ibérica


A construción do Centro Social de Oleiros e a remodelación de Miradoiro de Pedra da Ra, ambos do arquitecto Carlos Seoane, suman dúas novas candidaturas nun premio de arquitectura: nesta ocasión, trátase da primeira edición dos Premios Lledó Arquitectura Ibérica.

O miradoiro de Pedra da Ra compite na categoría Espazo Público xunto con outras catro candidatas: Piscinas na lagoa do monte do Gozo (de OLAestudio), Mellora de movilidade peonil en Troncoso (Francisco Rosell), praza de acceso á Fundación Pasquall Maragall da Universidade Pompeu Fabra (Miba Architects) e praza do mercat del Ninot (leA atelier).

Pola súa parte, o centro social de Oleiros enfróntase na categoría Obra Nova a outras once actuacións: o Auditorio de Lugo (de Paredes Pedrosa Arquitectos), o edificio da nova sede de Norvento (Mangado y Asociados, SL), o Museo de Coleccións Reais (de Mansilla + Tuñón Arquitectos), o Centro Cívico Romaño Vista Alegre (Abalo Alonso Arquitectos), a Casa 4R Sans Daniel (de Montserrat Nogués), a igrexa en praia Granada (de Elisa Valero), vivendas experimentais no Realejo (Elisa Valero), piscina en Maceda (Trespes.Arquitectos), Centro de Convìvio (Aires Mateus) e Casa entre Tapiales (de Estudio Jesús Donaire).

A gala de entrega de premios terá lugar durante a fin de semana do 21 ao 23 de setembro en Fisterra. Ademais dun xurado integrado por profesionais de prestixio no ámbito da arquitectura e o deseño (Gonçalo Byrne, Lucas Diaz, Anna Ramos, Antonio Maroño, Patricia Muñiz, Covadonga Carrasco, Anatxu Zabalbeascoa e Juan Rodríguez) calquera persoa terá oportunidade de votar telematicamente no Premio do Público.